Este 2024 está de 40 aniversario o Centro Dramático Galego, polo que se programan actividades especiais. Nesta participamos os veciños e veciñas de Muras, Xermade e Guitiriz, que compartiremos autobús para ir ata a capital de Galicia a ver a obra “Os actos e as profecías” o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Que mellor xeito de celebralo? O autobús é gratuíto e hai tempo libre para pasear pola cidade.
O itinerario e horario da viaxe é este, como vedes o bus sae dende o noso concello:
Non cómpre un “madrugón” e hai tempo de sobra para gozar de Compostela como cada un queira dende as 12:00. O importante é xuntarse todos de novo ás 17:00 no Salón Teatro que está na Rúa Nova, no casco vello. Haberá unha persoa responsable de cada grupo encargada de retirar as entradas (3 euros cada unha) reservadas.
Tamara Canosa dirixe a obra que imos ver á que lle dan vida 20 intérpretes, un dos elencos máis numerosos do CDG onde hai nomes moi coñecidos da escena galega xunto con caras novas. Un universo ao redor dos talent shows e o lugar público, a fama, a competitividade e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
PARA ANOTARSE E PREGUNTAR DÚBIDAS: 982 500 012
PARA O CONCELLO DE MURAS HAI RESERVADAS 10 PRAZAS