Romaxe Artesá da Chaira


Porque en Muras o rural ten vida

O Concello de Muras está comprometido coa nosa terra e a nosa xente polo que reivindicamos as oportunidades que achega a vida no rural. E máis cando se fai de xeito sostible. Por iso decidimos colaborar coa Asociación Obradoiros Artesáns da Terra Cha para crear a “Romaxe Artesá da Chaira” e axudar a manter vivos os nosos oficios achegándoos a quen valora o feito a man e o legado de séculos que atesoura. A primeira romaxe foi en maio de 2016 e, dado o éxito, repetimos cada ano :).

Naceu con vocación de permanencia e así será pola estupenda acollida que ten en cada edición

Que veredes 

Cando veñades ata a Muras na vindeira romaxe Artesá da Chaira atoparédesvos cun espazo pensado para adultos e nenos.  É un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de cómo se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios. Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostible chaman a atención de moitos e moitas para ouvir de primeira man experiencias que funcionan.

Outros gozan coa música tradicional en vivo dando voltas polos postos e conta dun bo xantar, algo que xamais falta en calquera celebración galega e tampouco nesta!

Pódese tirar bo proveito dunha longa xornada de primaveira tanto á mañá como á tarde para ver, tocar, mercar, preguntar e aprender. E nun dos lugares máis bonitos de Muras: a fraga de A Veiga, á beira do río Eume cando pasa pola vila, rodeados de árbores e coa boa compañía da xente do corazón do Xistral.

Se vés en coche premede aquí para saber como chegar. Esperamos contar contigo na vindeira Romaxe, de seguro que repites! 😉

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais