Para abordar diferentes aspectos relacionados co sector gandeiro, Manuel Requeijo mantivo esta mañá unha reunión coa conselleira de Medio Rural, a lucense María Xosé Gómez onde, entre outras cousas, abordáronse os avances realizados nos últimos meses na creación da Marca Muras. O proxecto -que o Concello está a desenvolver coa área de Rural da Deputación de Lugo e da USC-, encara unha nova fase centrada en accións de formación e asesoramento das producións locais, así como na busca de financiamento e colaboración en diferentes niveis. Requeijo solicitou o apoio da Consellería para a validación e o lanzamento da marca, que articulará o apoio e promoción da produción agrogandeira no municipio, fundamentalmente carne de vacún, poldro, horta e mel, así como púlos a iniciativas de transformación e valorización.
Tamén demandou a colaboración cos cargadoiros de poldros e gando de vacún promovidos polo concello para centralizar en Muras a pesaxe e transporte dos animais aos cebadoiros, facilitando a xestión directa da venda por parte de gandeiros da contorna.
O rexedor quixo tamén compartir o traballo desenvolvido polo goberno municipal no posicionamento de Muras e do Xistral como referente na produción gandeira e apícola con dúas citas consolidadas como a Feira do Poldro e Gando de Monte e a Feira do Mel do Viveiró, para as que tamén solicitou a colaboración da administración galega. Ao tempo solicitou unha ampliación da cobertura de axudas para novas incorporacións e plans de mellora da Xunta que, coa configuración actual, “teñen un escaso impacto nun concello que conta con 140 producións, na súa maioría familiares e de pequenas dimensións e que funcionan como actividade complementaria”.

Requeijo tamén trasladoulle á conselleira a preocupación das ganderías locais polo impacto nos prezos do acordo UE Mercosur, xa que afectará especialmente ás producións de carne, maioritarias no noso municipio.