Da man de Volta e Dalle Teatro chega canda nós Rodesindo da Barrosa, un afiador que en pleno século XXI percorre os camiños galegos e do mundo acompañado da súa roda e axudado polo seu chifre de buxo. Rodesindo arranxa todo tipo de aparellos, pero tamén ten un apartado de I+ D no que deseña novos inventos, como un comprobador de paraugas en colaboración co departamento de Pluviometría da Universidade de Compostela.
Ao longo da divertida obra irán aparecendo expresións en Barallete (a lingua dos afiadores) e Rodesindo abrirá un diálogo co público para falar desa parte etnógrafica do oficio que foi o máis importante de todos os ambulantes de Galicia. O actor de O Vicedo Pepe Penabade está detrás desta xenial personaxe que visitará Muras o 30 ás 19:00 horas no local social. Non volo perdades!