Últimas novas en relación á Dermatose Nodular Contaxiosa

Concello de Muras | Últimas novas en relación á Dermatose Nodular Contaxiosa |

Primeiro. Autorízase a realización de feiras, mercados e concentracións de gando bovino sempre que os animais que asistan procedan exclusivamente de explotacións localizadas na Comunidade Autónoma. Os animais doutras comunidades autónomas, para poder asistir, deberán permanecer previamente un mínimo de 21 días en explotacións de Galicia.

Os vehículos procedentes de fóra de Galicia que acudan deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.

Segundo. A realización extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino precisará da autorización expresa da Dirección Xeral de Gandaría e, no caso de ser autorizados, os animais asistentes procederán exclusivamentede Galicia. Os doutras comunidades autónomas, para poder asistir a estes eventos e cono o antes indicado, deberán permanecer previamente un mínimo de 21 días en explotacións galegas.

Terceiro. Todos os animais bovinos que se trasladen con destino a vida e procedan de explotacións localizadas fóra independentemente da súa orixe, deberán ser sometidos a unha vixiancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.

Cuarto. As explotacións gandeiras de calquera tipo e clasificación zootécnica que incorporen os animais referidos no punto terceiro quedarán inmobilizadas cautelarmente durante ese período. Esta inmobilización afectará a totalidade dos bovinos presentes na explotación na data de entrada e unicamente se autorizarán traslados con destino a matadoiro, debidamente xustificados e en vehículos desinsectados.

Quinto. Establécese a obriga de someter a desinsectación todos os bovinos presentes na explotación a que se incorporen os animais referidos no punto terceiro, desde a data de entrada na explotación e durante todo o período de corentena.

Sexto. Nos movementos nacionais de entrada de bovinos a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas, tanto con destino a vida como a sacrificio, adicionalmente ás tarefas de limpeza e desinfección obrigatoria establecidas no Real decreto 638/2019, do 8 de novembro -polo que se establecen as condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada de animais vivos, produtos para a alimentación de animais de produción e subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, e se crea o Rexistro nacional de centros de limpeza e desinfección-, establécese a obriga de realizar a desinsectación previa de todos os vehículos de transporte. Para xustificar esta desinsectación os transportistas achegarán un certificado emitido por un centro autorizado, ou ben unha declaración asinada en que figuren os datos da persoa responsable da desinsectación, a data desta e o produto utilizado.

Sétimo. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilncia sanitari e comprobación da correcta desinsectación nelas, así como as de control das condicións de limpeza, desinfección e desinsectación dos vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada de bovinos.

Esta resolución produce efectos desde o 1 de decembro de 2025 ata o 31 de decembro de 2025, ambos incluídos, e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.

DOG 231 do 28/11/2025 – RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais