Somos Premio Eolo 2021

Concello de Muras | Somos Premio Eolo 2021 |

Vemos de ser recoñecidos co Premio Eolo á Integración Rural da Eólica “por tratarse dunha comarca modélica no desenvolvemento eólico”  segundo o xurado reunido en Madrid o pasado 26 de maio.  A Asociación Empresarial Eólica (AEE) outorga os Premios Eolo como un recoñecemento á enerxía eólica en España e, nesta X Edición, participaron máis de 300 candidatos nas distintas categorías.

A implantación desta enerxía no noso territorio comezou hai 20 anos e agora temos unha potencia eólica instalada de 485 MW repartidos en 15 parques eólicos e 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.  Foi xa en 1995 cando comezaba a construción do primeiro parque eólico na zona. A chegada do novo equipo rexedor en 2015 reelixido nas eleccións munipais de 2019 significou tamén o comezo de novos enfoques ante esta realidade. “O que buscamos”, explica o alcalde, Manuel Requeijo, “é que os beneficios da enerxía eólica redundasen nos lugares onde están asentados os parques, aos veciños e veciñas ”. “Debemos democratizar a enerxía en Muras xa demostramos que se pode, pero hai que implementar medidas para toda Galicia. Os beneficios deben revertir de forma directa ou indirecta no territorio que sofre os prexuízos medioambientais e socias, para evitar o despoboamento dos municipios rodeados por muíños”.

Aproveitar os recursos. Habida conta de que máis do 50% dos recursos municipais proveñen dos parques eólicos polo Imposto de Actividades Económicas, o IBI de características especiais, e subvencións autonómicas como o Fondo de Compensación Ambiental, “decidimos dende un comezo”, continúa o alcalde, “que os impostos que xeneran os parques revertisen ao 100% na zona”.  Finalmente a decisión foi que os recursos fosen a subvencionar actuacións que mellorasen a calidade de vida dos veciños de xeito directo: axudas para o pago da factura da luz desde 2017 (chegan ata os 77.000 euros no orzamento), axudas á natalidade, bonos e medidas de conciliación para fomentar a permanencia no municipio, investimentos de substentabilidade enerxética (instalación de enerxías renovables para servizos públicos, adquisición de vehículos eléctricos, e instalación de puntos de recarga); mellora de prestacións sociais, rehabilitación e mellora de infraestruturas municipais e acondicionamento urbano xeneral (rede de subministración de auga  potabilizada e adecuación á normativa das existentes), así como a reconversión de antigas escolas en locais sociais, espazos para autocaravanas e observatorios do ceo e as estrelas. De feito o pasado decembro Muras alcanzou a consideración de Concello Starlight, ao estar exento de contaminación lumínica.

Se ben os proxectos eólicos favoreceron novos impulsos na zona, o goberno municipal é partidario “dun modelo enerxético máis xusto, no que a Xunta de Galicia participe tamén das explotacións”. Pensa que cómpre “revisar o plan  éolico de Galicia, xa é vello, o tempo pasa rápido e hai que facer un novo plan que protexa o territorio e que desenvolva con sentidiño o sector eólico” aunando os intereses de todas as partes creando sinerxias entre  as distintas  administracións. “A enerxía limpa producida polos muíños de vento e que non xera emisións contaminantes, non pode producir ao mesmo tempo outros danos ao medio ambiente, porque senon deixaría de ser limpa, porque seguiría lixando. Esto implica que debemos atopar un consenso para equilibrar os intereses de todas as partes que debe plasmarse en varias modificacións da normativa vixente. Hai que parar este boom de instalacións de parques en calquera ferrado de monte. Non pode ser que se poidan poñer muíños en zonas nas que está previsto a ampliación da Rede Natura, ou que os instalen a unha distancia irrisoria de vivendas e lugares habitados”.

Dende a Corporación, en todo caso, significan que están “moi contentos por este recoñecemento”, animando a outros concellos a facer o mesmo para mellora  a calidade de vida dos seus veciños. Tamén agradecen a implicación nesta candidatura de Acciona, Asociación Eólica de Galicia, Iberdrola, Norvento Enerxía, Enel Green Power, Sincro Mecánica (Grupo Intaf) e Tesicnor.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais