En vista da medida adoptada polo Estado de repartir mascarillas entre as traballadoras e traballadores que desde onte usan o transporte público para acudir aos seus postos, o Concello de Muras remitíulle unha solicitude á consellaría de Sanidade e á Dirección Xeral de Administración Local para que sexa a Xunta quen artelle o sistema de distribución dese material de protección, de cara a evitar acopios e garantir que se faga un reparto priorizado e ordenado que chegue ás persoas que realmente o necesitan.
A petición faise considerando que sistema reparto estatal “é ineficaz en concellos coma o de Muras”, principalmente por non existir redes de transporte que sexan empregadas de forma masiva para os desprazamentos laborais, pero tamén porque este xeito de distribución dun equipamento escaso pode “crear unha sensación de angustia ou necesidade imperiosa por conseguilo entre aquelas persoas que se vexan na obriga de desprazarse”.
A solución artellada por algunhas administracións locais de achegar máscaras directamente á poboación non resolve esta cuestión, ao non estar priorizadas as persoas que as precisan nestes momentos por ter necesidade de saír das súas vivendas “e non sendo tampouco suficiente o reparto dunha máscara dun só uso por persoa”. Neste sentido solicítase que a Xunta “como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública” sexa quen xestione e garanta o acceso das persoas que o precisen ao material de protección para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral, “evitando que se produzan actitudes de acopio por parte de persoas ou empresas”.
Na solicitude que adxuntamos, o Concello de Muras “ponse a disposición da Xunta de Galicia para tratar de artellar un sistema de reparto obxectivo e controlado, sen caer en repartos indiscriminados, dado que neste momento non existe material suficiente dispoñible para garantir o acceso universal da poboación e que debe priorizarse a necesidade obxectiva do mesmo”.
A maiores, informamos que o Concello de Muras entregou unha caixa con material de protección (mascarillas, luvas e xer hidroalcoólico) no Centro de Saúde, ante a carencia del.