“Sentindo Muras”, estreamos campaña

Concello de Muras | “Sentindo Muras”, estreamos campaña |

Poñemos en marcha esta iniciativa para animar e fomentar a visita de turistas e viaxeiros ata o noso ao municipio. Que poidan coñecer a beleza das paisaxes e disfrutar da luz das estrelas promovendo o astroturismo e, ao tempo, dar un pequeno impulso á economía local. Sobre todo ao noso sector da hostalaría, profundamente prexudicado polas consecuencias derivadas da pandemia da COVID-19.

En que consiste a campaña? O concello, en colaboración cos locais de hostalaría murenses, pon a disposición destes negocios fotografías adquiridas ao artista gráfico Marcos López Alonso. As imaxes teñen un código QR que facilita toda a información (descrición, xeolocalización, mapas, rutas…) para que o turista poida acceder a ese lugar en concreto  e contemplar a mesma imaxe que viu no local. Son espazos como a Fervenza da Xestosa, o Val do Viveiró, a Curuxeira ou a Igrexa de Santa María da Balsa.

Sabemos que queda traballo por diante para conseguir que o turismo sexa un sector destacable entre as actividades económicas do concello e axude a desenvolver iniciativas empresarias entre a veciñanza. E así axudar a fixar poboación nos territorios interiores de Galicia. Pero coidamos que imos camiñando ata conseguilo. Os obxectivos da campaña son:

  • A contribución na conservación do patrimonio natural e cultural.
  • A Inclusión das comunidades locais na planificación, desenvolvemento, explotación e logro do seu benestar.
  • A Interpretación do patrimonio natural-cultural do destino para visitantes.
  • Destinar, prioritariamente, o turismo a viaxeiros independentes e grupos de tamaño reducido.

O turismo de natureza supón unha enorme oportunidade de contactar coas raíces e actuar de compensación ante a “comodidade” do hábitat urbano e o seu ritmo de vida. Aquí adquiren relevancia parques naturais, reservas protexidas, ecoturismo, medio rural, agroturismo e o involucramento da poboación local.

E o astroturismo xorde como unha modalidade de turismo responsable que combina a observación do ceo nocturno, a divulgación e as actividades de lecer de ciencia e astronomía. Pero tamén é un recurso para potenciar territorios con menos posibilidades que teñen unha oportunidade de incrementar visitantes. Dende decembro do ano pasado o noso concello ten o certificado  “STARLIGTH” que acredita que temos  excelente calidade de ceo e escenarios que incorporan a observación do firmamento. Unha modalidade responsable, sustentable e innovadora, que promove a creación de emprego de calidade e a diversificación da oferta de empresas e axencias.

Este desenvolvemento non pode entenderse sen a absoluta implicación das empresas do sector. Son un elo de unión cos organismos de xestión turística e os propios turistas, que cada vez con máis frecuencia demandan experiencias auténticas baseadas na protección do patrimonio social, cultural e natural das rexións de acollida. Finalmente, queremos deixar constancia de que o concello de Muras comparte plenamente os obxectivos básicos da Carta Europea para o Turismo Substentable:

  • Acrecentar o coñecemento dos espazos protexidos de Europa como parte fundamental do noso patrimonio e aumentar o apoio á súa conservación para que poidan ser gozados polas xeracións presentes e futuras.
  • Mellorar o desenvolvemento sustentable e a xestión turística destes espazos protexidos, tendo en conta as necesidades da contorna, da poboación local, das empresas locais e dos visitantes.
O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais