Explicamos polo miúdo parte da oferta desta fin de semana:
Saída micolóxica do sábado 16. Sairemos ás 9:00 h do Bar a Volta. Para ir hai que apuntarse, gratuitamente, no Concello. Tedes ata este venres ás 14:30 para facelo. Ben presencialmente ben chamando por teléfono. A saída estará guiada por José Manuel Castro Marcote, considerado un dos maiores expertos mundiais en micoloxía. Levade roupa de abrigo e calzado axeitado para ir polo monte, ademais de cesta e navalla. Estaremos de volta sobre ás 14:00.
Concurso de mel do sábado 16. Elexirase o mellor Mel de Muras do ano 2019 nunha cata posterior á análise de laboratorio. Poden asistir todas as persoas que estén interesadas en presencia-lo labor do xurado. Tamén a charla técnica da tarde é de asistencia libre e gratuita por se queredes ir.
O domingo, ademais da tradicional feira e o showcooking, teremos como novidade un obradoiro de pan con pel para nenos no que os rapaces farán todo o proceso de elaboración nun forno baixo a supervisión de dous monitores. Tamén poderá visitarse unha mostra das setas recollidas na saída do sábado. Destacable será a actuación de Rocío Varela que amenizará o xantar, e moi especialmente unha demostración de espicha de sidra a cargo do Concello de Nava, que desprazará a Muras unha representación municipal e do Museo da Sidra. Como sabedes, nesta localidade asturiana celébrase cada ano o Festival da Sidra, declarada de Interese Turístico Nacional. Vémonos!!