Representantes de As Pontes achéganse a Muras para coñecer a xestión das axudas á luz

Concello de Muras | Representantes de As Pontes achéganse a Muras para coñecer a xestión das axudas á luz |

Na mañá do 11 de marzo o Concello de Muras recibiu a visita de representantes do Concello de As Pontes para coñecer a realidade de cómo se xestiona a subvención para axudar co pago do recibo da luz aos veciños. Falouse das orixes, da motivación para dar este paso e de como se foi organizando. 

Muras ten unha potencia eólica instalada de 485 MW repartidos en 15 parques con 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.  A chegada do novo equipo rexedor en 2015 -reelixido en 2019- significou o comezo de novos enfoques para tirar proveito desta realidade. “O que buscamos”, explica o alcalde, Manuel Requeijo, “é que os beneficios da enerxía eólica redunden nos lugares onde están asentados os parques”. O obxectivo: democratizar a enerxía e que os beneficios revertan de forma directa e indirecta no territorio que sofre os prexuízos destas instalacións.

Como se xestionan os cartos. Habida conta de que máis do 50% dos recursos municipais proveñen dos parques eólicos polo Imposto de Actividades Económicas, o IBI de características especiais, e subvencións autonómicas como o Fondo de Compensación Ambiental, a corporación decidiu que os impostos que xeneran os parques revertisen ao 100% na zona.  Finalmente optouse por subvencións de xeito directo: axudas para o pago da factura da luz desde 2017 (chegan ata os 77.000 euros no orzamento e son as máis coñecidas porque afectan a todos os veciños e veciñas empadroados que só teñen que achegar ás facturas acumuladas no ano ), axudas á natalidade, bonos de conciliación para fomentar a permanencia no municipio, investimentos de substentabilidade enerxética (instalación de enerxías renovables, compra de vehículos eléctricos, e instalación de puntos de recarga); mellora de prestacións sociais, rehabilitación e mellora de infraestruturas municipais e acondicionamento da rede de subministración de auga e a reconversión de antigas escolas en locais sociais, espazos para autocaravanas e observatorios do ceo.  O concello recolleu o pasado ano o Premio Eolo á Integración Rural da Eólica “por tratarse dunha comarca modélica” segundo a Asociación Empresarial Eólica (AEE).

Do concello de As Pontes estiveron na xuntanza o primeiro tenente de alcalde, Antonio Alonso; a concelleira  delegada especial de Organización Económica, Maite Méndez e o voceiro do BNG de As Pontes, Kiko da Silva. Recibíronos o alcalde de Muras, Manuel Requeijo e Mario Rouco, segundo tenente de alcalde.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais