“Somos un concello rural, un concello pequeno pero con ganas de facer cousas, coido que o demostramos no día a día”. O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, participou esta tarde ás 16:30 na presentación da que vai ser a IV Edición do Rallye da Mariña. O acto celebrouse no concello murense, na área Recreativa A Veiga, e co rexedor estaban o segundo tenente de alcalde e Responsable de Deportes, Mario Rouco e a concelleira e voceira do PPdeG Eugenia Requeijo; acompañados polo deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, o presidente da escudería organizadora da proba MixRallySports, Ignacio Dávila; a directora técnica da carreira, Maite Vilanova, o tenente alcalde de Viveiro, Suso Fernández e algúns dos pilotos que competirán na proba.
“Nestes días previos ao Rallye as empresas de hostalería son das máis beneficidas e por iso participamos deste tipo de iniciativas”, continuo Requeijo. Nesa liña, o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, saudou o crecemento dun Rallye que dá a oportunidade “de competir na casa aos equipos da comarca”, entre os participantes figuran 14 equipos da Mariña e Ortegal. E continuou: “o feito de que a proba forme parte do calendario galego é un aliciente para que se acheguen ata a comarca afeccionados e afeccionadas de toda Galicia”.
A competición automobilística (13,14 e 15 de maio), a terceira no calendario do Campionato Galego de Rally de Asfalto, conta con 88 equipos inscritos, a mellor cifra de participación das edicións celebradas: na anterior anotáranse 67. Este IV Rally da Mariña Lucense decidirase en 106,80 quilómetros cronometrados en cinco treitos por estradas pechadas ao tráfico. E cos seguintes percorridos:
Ourol
Trascorre integramente por Ourol. Sae á altura da Igrexa de Santa María de Xerdíz, e conclúe en Ucheiras, tras pasar por Souto Chao, Os Currás, A Revolta, Vilachá, A Carballeira, As Rabiñas, O Cochón e As Fragas.
Muras
Arrinca desde o centro mesmo do concello e fai un percorrido moi similar ao do ano pasado, pasando por A Picheira, O Coto, Rego da Parede e A Abidueira, para rematar en A Armada. Suma case 10 quilómetros. AS DÚAS PASADAS EN MURAS SON:
SAIDA 1 9:16
SAIDA 2 12:52
O Vicedo
É un dos dous treitos históricos, mantendo o mesmo trazado desde a primeira edición. Comeza na Avenida Deputación e pasa por A Poceira, Crecide, A Pena e A Palloza, rematando no Folgueiro.
Cervo
O punto de saída estará diante da fábrica de Sargadelos. Os coches pasarán por As Fábricas, A Igrexa e Gondrás, par acabar no Castelo.
Xove
Arranca en Camiño Real, diante do Concello, e pasa por Os Cainzos, O Rego, Os Carballás, Laguela, Aceveda, Camba, Fontaelo,Toimil e Xuances, para acabar no Monte do Golán, baixando cara Area.