O TSXG admite o recurso do Concello de Muras e paraliza a explotación da mina de Silán

Concello de Muras | O TSXG admite o recurso do Concello de Muras e paraliza a explotación da mina de Silán |

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu o recurso presentado o 11 de abril de 2024 polo Concello de Muras contra a resolución do director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais que aprobou en decembro de 2022 o proxecto de explotación da mina San Acislo, situada na parroquia muresa de Silán.

O fallo do alto tribunal, con data do pasado 18 de setembro de 2024, anula a autorización da Xunta para explotar esta mina de feldespato. Na sentenza decide “estimar o recurso interposto polo representante do Concello de Muras contra a resolución do director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación do 19 de decembro de 2022, ditada por delegación do seu titular, que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da Sección C da mina Ampliación a San Acisclo, instado pola sociedade mercantil Materiales Cerámicos Materias Primas SL, que anulamos”.

O fallo sinala “anomalías” e “irregularidades” nunha concesión por estar caducada para unha explotación mineira paralizada. A primeira concesión dun xacemento que conta cunhas reservas de doce millóns de toneladas valoradas en 660 millóns de euros, foi emitida en 1969 pola Dirección Xeral de Minas do Ministerio de Industria. En 2007 transmitiuse á sociedade mercantil Materiais Cerámicos SL por resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, e en 2019 a Materiais Cerámicos Materias Primas SL, que solicitou en 2020 a aprobación da explotación e do plan de restauración da concesión que executaría a empresa Urbas, que tiña previsto dedicar á cerámica a materia prima do xacemento.

A sentenza resolve que a autorización emitida pola Xunta en 2022 “non só ignorou todas as anomalías que xa constaban senón que tampouco someteu o proxecto á preceptiva avaliación ambiental estratéxica ordinaria”.

O TSXG anunciara en xuño de 2023 a suspensión cautelar do proxecto tras das peticións da asociación Petón do Lobo e do Sindicato Labrego Galego (SLG). O tribunal estableceu daquela que o lugar onde estaba prevista a extracción queda preto de lugares protexidos como a Serra do Xistral e a terreos incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Pero agora estimou o recurso promovido polo Concello de Muras baseado nestes tres motivos de nulidade:

Primeiro, o proxecto tiña que someterse á previa avaluación ambiental estratégica ordinaria dadas as afectacións ambientais da mina, a superficie da explotación e a súa visibilidade, sen que se puidese acoller á excepción pola continuidade na actividade mineira ao non executarse nin total,nin parcialmente.

Segundo, porque a concesión caducara ao levar más de 15 anos sen actividade.

Terceiro, porque existían graves afectacións de tipo ambiental e patrimonial.

O letrado autonómico sostivo que non era necesario someter o proxecto ao trámite de evaluación ambiental posto que a explotación executaríase parcialmente, ao que engadiu que o concello non requirira a vía administrativa a caducidade da concesión e que a resolución impugnada viñera precedida de doou informes positivos en materia de medioambiente e patrimonio cultural.

Pola súa banda, o letrado de Urbas entendeu que o recurso se interpuxera fóra de prazo; e en canto ao fondo, pedía a desestimación porque non era necesario someter o proxecto ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, que a explotación comezou en1970, que non caducou e que non existían afeccións ao medio ambiente nin ao patrimonio cultural.

Finalmente, a xuíza anulou a resolución baseándose nos dous primeiros motivos alegados polo concello (avaliación ambiental e caducidade da concesión) “sen que sexa necesario examinar o último”. 

Respecto da avaliación de impacto ambiental sostén que é obrigatoria pola Lei de Minas cando a superficie do terreo afectado supere as 25 hectáreas ou cando a explotación resulte visible desde autoestradas, estradas, espazos naturais ou núcleos urbanos e non acepta a excepción por atoparse parcialmente executada, porque “é necesario acreditalo”.

E respecto da vixencia, asegura que “como as anomalías –incumprimento de prazos, ausencia da presentación de plans anuais de labores ou traballos paralizados máis tempo do normal– eran permanentes e continuadas, era obrigado incoar o preceptivo procedemento fiscalizador, o que non se fixo, a pesar de existir a oportunidade de facelo” e fala de “vulneración flagrante” por parte do departamento mineiro autonómico “ao non ter incoado, polo menos en dous momentos, os procedementos de caducidade esixidos”.

A maiores, o TSXG imponlle ás partes codemandadas o pago das costas, de 750 euros

A resolución non é firme e contra ela cabe recurso de casación. DEIXAMOS O FALLO 👇⏬

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais