Estes días o Museo Provincial de Lugo acolle unha marabillosa exposición, ‘O legado do tempo’, unha mostra extraordinaria que exhibe 133 reloxos históricos doados por José Antonio Puentes Romay, doutor en Filoloxía Clásica pola USC e expresidente da Sociedad Española de Estudios Clásicos. Falamos dunha doazón de 194 pezas, a colección de reloxos máis importante de toda Galicia.
Mais detrás deste fito cultural latexa unha fonda historia de amor polo noso concello: a historia de José Antonio en Muras. Tivo unha traxectoria académica e profesional de primeira liña, pero o seu corazón e os seus días repousaban aquí, entre nós. Como ben lembra a súa familia a través do seu curmán, Antonio Puentes, que así nolo conta: “Aínda que a relación de Jose Antonio e seus pais con Muras establécese desde a súa mesma infancia (…), podemos dicir que o vínculo total e definitivo foi a finais de 1988. Nese ano a familia comprou a casa de Carballal: había tempo que barallaban a posibilidade de adquirir aquí unha casa, e cando xurdiu a posibilidade, non o dubidaron.”
A achega da veciñanza
A partir dese intre, e especialmente tras da súa xubilación no ano 2013, a súa vida cotiá transcorría en Muras a maior parte da semana: “Os domingos era fixo tocando a man as campás para as misas de Muras e do Burgo, polo que, aínda que nunca chegou a censarse aquí, a súa vivenda principal habitual, a súa vida, estaba no noso concello.“ Esta paixón patrimonial non só se reflectiu na coidada conservación da Casa de Carballal —unha xoia indiana erixida en 1900 da que sempre quixo “manter intacta a súa esencia”, respectando ata a impoñente galería de madeira orixinal— senón tamén na propia formación da súa colección de reloxaría. Moitos deses mecanismos que hoxe admiran os visitantes en Lugo teñen selo e mans murenses.
“Varios foron os comprados a veciños de Muras; algúns restauráronse en Muras e con colaboración doutros murenses (a caixa dalgún deles foi fabricada por Toñito das Ucheiras, tío segundo seu); e a maioría dos de pé e de parede tíñaos funcionando nesta casa de Muras (era espectacular a vida que daban cando comezaban a dar a hora un tras outro cos seus diferentes tons e repeniques)”, explica ou sur curmán.
Hoxe, pezas de gran valor histórico e artístico —procedentes da Selva Negra alemá, de Francia, Suíza ou Portugal, incluíndo xoias como un reloxo parisiense da casa Farcot, un regulador Gustav Becker ou un mecanismo cinético de 24 bólas— forman parte do patrimonio público.
Dende o Concello de Muras queremos expresar o noso orgullo e agradecemento polo legado de José Antonio Puentes Romay e convidámosvos a achegarvos ao Museo Provincial de Lugo. Podemos facelo sempre e en calquera momento, porque é unha xoia asentada no convento de San Francisco cun soberbio claustro gótico que alberga tesouros como o Torque de Burela, mosaicos da Lucus Augusti romana, sartegos medievais e obras de Castelao ou Maruja Mallo; pero especialmente agora, para coñecer ademais esta marabillosa colección de reloxos e escoitar con ela parte da memoria de Muras.
A mostra está exposta ata o 15 de novembro. Animádevos a esa visita a Lugo, pagará a pena.

Imaxe da inauguración da exposición, o pasado 23 de setembro, co alcalde Muras, Manuel Requeijo; Paula Salinas Somoza, comisaria da mostra; Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial; Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo e Xaime Varela, amigo persoal de Jose Antonio.