O Goberno de Muras pide a Xunta e PP impulsar xa o Polígono Industrial

Concello de Muras | O Goberno de Muras pide a Xunta e PP impulsar xa o Polígono Industrial |

No último requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 3 de decembro de 2021, solicítase a incorporación dun informe sectorial de medio rural, non requirido con anterioridade. 

COMUNICADO: É de publico coñecemento que os traballos para contar cun polígono Industrial iniciáronse no ano 2016, e despois de seis anos seguimos sen ter aprobado a modificación das normas subsidiarias, trámite necesario para poder construír as ansiadas instalacións industriais. Nesta tramitación, foron varios os requirimentos da Dirección Xeral para emendar os documentos, ben por falla de informes ou por cuestións puramente formais. No último requirimento de Urbanismo, advirten da ausencia dun informe sectorial, de Medio Rural, sobre a protección agropecuaria e forestal, que non fora requirido en ningunha comunicación anterior, ademais da necesidade de aportar planos dos que tampouco se dera conta previamente. 

Non é comprensible que a lexislación do solo de Galicia, estableza no seu artigo 60.7, que será o órgano competente en materia de urbanismo quen solicite os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que haberán de ser emitidos no prazo de tres meses, transcorrido o cal se entenderán emitidos con carácter favorable, e despois a propia Xunta inste ao concello a que solicite ditos informes. De feito, o último informe que se precisa da Consellaría de Medio Rural, foi solicitado polo Concello o 20/12/2021, e a día de hoxe, despois de catro meses, aínda non foi emitido

O colmo deste proceso é a presentación do PP de Muras, a través do Sr. Balseiro, dunha pregunta na comisión 2ª de ordenación territorial para saber en que situación se atopa o expediente da modificación urbanística. Parece que o PP aínda non se enterou de que hai seis anos que Muras quere facer un polígono Industrial e tampouco que Augas de Galicia ou a Consellaría de Medio Rural son organismos que dependen da Xunta, non do concello, polo que mellor lles sería pedir explicacións nos despachos onde gobernan.

A equipa de goberno manifestou que “con tanta lexislación feita polo PP de simplificación administrativa para a reactivación da economía non é normal que a propia Xunta de Galicia non cumpra a normativa que aproba, como nos prazos de emisións de informes”.  Os edís engadiron que “a verdade é que o PP na Xunta non está facendo nada para activar a economía de Muras, porque as empresas seguen esperando a que teñamos o parque industrial listo, onde se poderían crear varios postos de traballo. Despois quéixanse de que o rural está despoboado e da falta de emprego”. Por último engadiron “Se queren que Muras conte cun polígono Industrial, que se dediquen a traballar xa na Xunta para que fagan o seu traballo, en vez de enganar con palabrería barata e poñer trabas no futuro do noso pobo. Levamos once anos de moita propaganda de Feijóo de activación da economía e cero efectividade, e só vemos como as empresas na comarca pechan unha tras outra”.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais