O alcalde de Muras, convidado a unha xornada da UDC sobre políticas enerxéticas locais

Concello de Muras | O alcalde de Muras, convidado a unha xornada da UDC sobre políticas enerxéticas locais |

O rexedor murense foi un dos convidados a participar nunha xornada celebrada o 13 de xaneiro no salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC). “As políticas enerxéticas das entidades locais: novos escenarios”, organizadas pola Cátedra de Dereito Local, foron inauguradas polo decano da facultade, Xulio Ferreiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso xunto ao director da Cátedra, Carlos Amoedo.

Ante un aumento no protagonismo local neste eido, o rexedor narrou a experiencia pioneira que protagoniza o noso concello e que levou a unha notable redución da factura eléctrica para veciñas e veciños.

Na sesión da tarde e na mesa redonda que deu comezo ás 16:00, Manuel Requeijo, o alcalde de Muras, estivo acompañado por Cristina Castells, directora da Agencia de Energia de Barcelona; Ana Marcos, presidenta do primeiro consello reitor de Som Energía e funcionaria do Servicio Provincial de Industria de Zaragoza; e Mario Sánchez-Herrero, membro da cooperativa Ecooo (Madrid). Os catro convidados falaron das experiencias locais de produción e comercialización de enerxía eléctrica nun contexto onde a subministración asequible nos fogares (e nas empresas e industrias) constitúe unha necesidade máis perentoria ca nunca. De feito estamos ante un dos maiores retos dos Estados europeos, especialmente tras a crise aberta en febreiro do 2022 coa invasión rusa da Ucraína. As estimacións da Axencia Internacional da Enerxía apuntan a que, no 2040, a electricidade será a forma final de enerxía que vai experimentar máis medre, polo que na xornada abriuse o debate sobre o papel que poden desempeñar as entidades locais no atendimento desta necesidade.

Se ben os concellos só teñen unha competencia específica sobre o servizo municipal de alumeado público, as posibles políticas públicas neste campo son cada vez maiores, e van alén dos textos legais clásicos do municipalismo. Desde o estímulo da eficiencia enerxética con ordenanzas locais, a contratación pública e a política fiscal, até a produción e a comercialización eléctrica, pasando polo impulso das comunidades enerxéticas, están sendo chamados a asumir un maior protagonismo neste campo. A equidade social e a transición enerxética demandan traballar en novas follas de ruta.

O caso do concello de Muras. Con algo máis de 163 km cadrados e 636 habitantes, ten unha potencia eólica instalada de 485 MW repartidos en 15 parques eólicos e 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento. Estes parques, dende hai uns anos, permiten abaratar o recibo doméstico da luz —o 50 % do orzamento do Concello procede do vento—, pero teñen tamén un importante impacto económico, social, territorial e enerxético na vida dos veciños. Así o analiza o libro “Enerxía eólica en Muras”, editado recentemente polo Observatorio Eólico de Galicia e o propio Concello. Nel, un grupo de traballo da Universidade de Vigo recompilou toda a información existente sobre a dinámica eólica no noso concello e dá conta tamén do negocio que supón para as empresas que os xestionan.

Por iso, coa chegada dun novo equipo de goberno en 2015, procurouse que os beneficios da enerxía eólica tamén redundasen nos veciños. Unha decisión política que tivo eco e repercusión en medios galegos e do resto do Estado, xa que non tiña precendentes que os impostos que xeneren os parques éolicos revertisen ao 100% na zona onde se ubican.  A decisión foi que os recursos fosen a subvencionar actuacións que mellorasen a calidade de vida xeito directo, polo que o concello decidiu subvencionar o recibo doméstico da luz cun tope de 600 euros anuais, en principio destinados ás persoas con rendas inferiores a 15.000 euros ao ano.  Pero cunha cantidade que vaise modificando en función das solicitudes da xente.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais