O trail running é a modalidade de moda no atletismo galego, a que máis está medrando. Por iso o pasado venres, 10 de xaneiro, o Concello de Ames celebraba a primeira edición da Gala do Trail Running Galego. Nun auditorio ateigado de público alí estaban entre outros o alcalde anfitrión do Concello, Blas García, e o Presidente da Federación Galega de Atletismo, Ivan Sanmartín, organismo que entregaba os premios.
Entre os deportistas galardoados e galardoadas nas diferentes categorías e, na sección especial, de novo o Trail das Bestas de Muras recolleu en mans do alcalde, Manuel Requeijo, o Premio á Mellor Xestión Medioambiental e o Certificado por Cumprir cos Estándares de Calidade. E dicimos “de novo” porque o pasado 13 de decembro de 2024 o Trail recollía premio na categoría “Xestión Sostible” nos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva nunha gala celebrada por AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva) o 13 de decembro no Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña).
Non podemos estar máis contentos, grazas a todas e todos os que formades parte deste proxecto deportivo único na Serra do Xistral.

