Muras súmase á celebración do 75º aniversario da morte de Castelao no exilio

Concello de Muras | Muras súmase á celebración do 75º aniversario da morte de Castelao no exilio |

Galicia está escribindo á altura da metade da década dos anos 30 unha das páxinas máis luminosas da súa historia. A loita pola consecución do Estatuto de Autonomía chega ao cume o 28 de xuño de 1936, data na que o pobo galego aproba en referendo o primeiro estatuto galego da súa historia. Poucas semanas despois Castelao e outras personalidades galegas entregan nas Cortes, para a súa tramitación parlamentaria, o Estatuto recén aprobado en plebiscito. De non se producir o levantamento fascista do 36, toda aquela xeración de xente demócrata, galeguista, lúcida e honesta faría de Galicia, sen dúbida algunha, un país orgulloso da súa identidade, da súa lingua e da súa cultura, próspero e moderno, comprometido coa xustiza social e coa igualdade, unha nación no mundo.

Os fascistas non só asasinaron a milleiros de persoas inocentes, non só cubriron toda Galicia de sangue e de barbarie, senón que nos privaron de ter xa un primeiro goberno galego nos tempos da II República, e ademais presidido por un home da talla política, intelectual e humana de Castelao. Aquel home que estaba destinado a asumir a máxima responsabilidade política das novas institucións galegas e ser o construtor da nación galega desde o Pazo de Raxoi, tivo que vivir os días máis amargos da súa vida e morrer no exilio, non sen exercer en todo momento de principal guieiro do nacionalismo galego, de parlamentario, ministro do Goberno de Giral e Presidente do Consello de Galiza, que viña a ser como un goberno galego no exilio. E tamén, no exilio, en Buenos Aires, publícase en 1944 o Sempre en Galiza, a obra capital do pensamento político de Castelao, onde se reafirma nas súas ideas nacionalistas e na súa defensa dos dereitos que a Galicia lle corresponden como nación. Reler agora ese libro é unha das mellores homenaxes que lle podemos tributar.

Tras a ditadura franquista semella que Castelao é de todos. O poeta Celso Emilio Ferreiro xa denunciou no seu momento esa apropiación indebida:

“Olla, meu irmáu honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del”.

Desde o Concello de Muras, a través deste bando, queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse de novo, ou por primeira vez, a Castelao, ao conxunto da súa obra artística, literaria e política. É a única maneira de descubrilo en toda a súa dimensión humana, política e intelectual e de aprendermos a ser cada día máis galegos e máis galegas. O 75 aniversario da súa morte podémolo comezar a conmemorar collendo entre as mans, por exemplo, o Sempre en Galiza. A súa lectura estou seguro que abrirá aínda máis o noso corazón a Galiza e nos dará coraxe para combater calquera manipulación ou apropiación indebida que se faga da súa figura.

En Muras a 7 de xaneiro de 2025

O alcalde, Manuel Requeijo Arnejo

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais