“Para min como alcalde e o resto do equipo de goberno é unha honra recibir este premio que recoñece o traballo que facemos co Trail das Bestas, mencionar a Pablo López Franco que dende a orixe de proba nos acompaña e que ano tras ano, grazas aos seus consellos e propostas a proba medra en aceptación e calidade”. Con estas palabras o rexedor murense Manuel Requeijo agradecía o premio recibido na categoría “Xestión Sostible” nesta XV Edición dos premios. Xunto con él achegouse ata Carballo a tenente de Alcalde, Paula Gómez Souto, responsable de Turismo, Igualdade, Educación, Saúde e Deportes. Os galardóns entrégaos AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva) como recoñecemento á dedicación da xente que traballa para facer do noso deporte unha realidade. A gala de entrega celebrouse á noite do 13 de decembro no Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña).
Este Trail das Bestas de Muras -este ano que remata fixo a VII edición- está organizado, en palabras de Manuel Requeijo, “con moita humildade e cariño xa dende os inicios (…) onde buscamos dar a coñecer unha das serras máis fermosas que hai en Galicia, que gardando as distancias, lémbranos ás Highlands Escocesas, estou a falar da Serra do Xistral onde entre outras riquezas temos un dos maiores reservorios de carbono do Sur de Europa”, dixo no discurso de agradecemento. “Unha das premisas que nos propoñemos tódolos anos é dar a coñecer este pequeño concello ao norte da provincia de Lugo con toda a súa riqueza e, dun xeito transversal, que sirva a celebración do Trail das Bestas como dinamizador económico, turístico e asociado a unha actividade con valores como o esforzo, coidado do medio ambiente e xenerosidade (…) “A mostra do cariño que poñemos na organización desta proba”, continuou o alcalde, “vese reflectido ano tras ano na implicación dos veciños e veciñas á hora de participar na organización, na súa dispoñibilidade á hora de ceder as fincas e pasos, de estar pendentes de botar unha man en todo o que se precise, son axentes indispensables”.
O recoñecemento na categoría “Xestión sostible no deporte” recollémolo polo traballo feito no Trail das Bestas. Así o decidiron os 12 membros do xurado. Parabéns a todas e todos os premiados e grazas de novo!
Co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero como anfitrión, a cita tivo un ambiente festivo e de camaradería. Entre outros convidados estaban o coruñés Fernando Romay, ex xogador de baloncesto, medallista olímpico e socio de honra de AGAXEDE, que lembrou a importancia do deporte como ferramenta de transformación social. Pechou o acto o presidente de AGAXADE, Eduardo Blanco, anunciando que a gala dos premiados do ano 2025 será en Lugo.