Muras, convidada pola Universidade Rey Juan Carlos e Ecodes a falar de boas prácticas coa xestión das renovables

Concello de Muras | Muras, convidada pola Universidade Rey Juan Carlos e Ecodes a falar de boas prácticas coa xestión das renovables |

O rexedor murense participou convidado á xornada celebrada esta mañá na sede de Argüelles da Universidade Rey Juan Carlos, Madrid. Dende ás 11 ata ás 14.30 foron analizadas e debatidas unha escolma de boas prácticas na instalación de renovables no territorio peninsular co caso do noso concello como exemplo no eido eólico. Un debate no que se escoitaron voces desde o territorio, as empresas, as administracións, a sociedade civil e os medios de comunicación.

Na mesa redonda tamén participaron e interviron Víctor Marcos, director de Enerxías Renovables e Mercado Eléctrico do IDEA; Sara Pizzinato, responsable da campaña de Enerxías Renovables de Greenpeace; Benjamín Llaneza, CEO de Aurinka e Rosa Tristán, xornalista ambiental, moderados por Amaya Asiain, responsable do Departamento de Comunicación de Ecodes.

O caso de Muras é un dos trece complexos postos como exemplo de deseño de modelos de implantación de renovables -neste caso da enerxía eólica- con maior aceptación. Na imaxe, parte dos asistentes á xornada

O marco para o debate foi o traballo realizado pola Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (Ecodes) “Casos de éxito na implantación de enerxías renovables”. Encargado pola Universidade Rey Juan Carlos recompila proxectos fotovoltaicos e eólicos “que demostran un aproveitamento renovable con especial respecto á biodiversidade e con especial consideración á poboación local”.

Ante “a situación de rexeitamento ás enerxías renovables en parte do territorio nacional” o estudo identifica trece complexos como exemplos de deseño de modelos de implantación de enerxías renovables con aceptación social: desde a selección do emprazamento ás actuacións previas coas poboacións locais, accións durante a fase de construción e medidas para a integración socioeconómica nos territorios.

E no caso da eólica o primeiro caso que se destaca é o de Muras, que alberga no seu termo 20 parques eólicos desenvolvidos entre 1995 e 2009. Con algo máis de 163 km cadrados e 614 habitantes ten unha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.

O concello logrou reconducir unha situación desfavorable tras prácticas de dubidosa ética nos momentos iniciais dos proxectos, como a venda de terreos a prezos ínfimos e ameazas de expropiación. A implicación traduciuse na posta en marcha de axudas directas ao pago da factura da luz condicionadas ao nivel de renda, o que permite abaratar o recibo doméstico cun impacto económico e enerxético na vida da veciñanza.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais