Manuel Requeijo pide “un traballo de campo sistemático” para clarificar a propiedade de parcelas no rural

Concello de Muras | Manuel Requeijo pide “un traballo de campo sistemático” para clarificar a propiedade de parcelas no rural |

O pasado 22 de xuño presentouse no Parador de Corias -no concello asturiano de Cangas de Narcea a uns 200 quilómetros de Muras-, un proxecto piloto do programa LEADER chamado “Clarificación da propiedade: unha herdanza para as futuras xeracións”. Con varias mesas redondas no programa, o alcalde murense foi un dos convidados.

Esta iniciativa busca resolver a desorde administrativa e a falta de acreditación legal que afecta a numerosas vivendas e terreos rurais. Dotado cun investimento de 481.418 euros, un dos obxectivos é sanear a titularidade dos inmobles para evitar abandonos e mellorar o uso produtivo.

Liderado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Alto Narcea Muniellos en colaboración con outros seis grupos de acción local asturianos, o alcalde Muras, Manuel Requeijo, foi convidado á presentación, participando na mesa “Experiencias Inspiradoras” onde falou da tentiva do proxecto “A Finca”.

Na súa intervención pediu limpar o caos do catastro rural esixindo a Xunta e Goberno central que aclaren a propiedade das leiras esquecidas protexendo aos veciños fronte ás grandes corporacións. “Saber de quen é cada parcela no rural galego segue sendo unha dor de cabeza”. Entre as solucións reais que achegou están “un traballo de campo minucioso para actualizar o catastro dunha vez por todas. Sen datos claros, o rural fréase. Non se poden vender leiras entre particulares nin recuperar os montes veciñais”. Para Requeijo, esta desorde técnica e institucional só ten un gañador, as multinacionais enerxéticas, cos medios necesarios para sortear a burocracia, barreira que para un veciño ou un concello pequeno resulta insalvable.

A falta de clarificación da propiedade segue sendo un problema tanto para operacións entre particulares como para procedementos que implican a concellos, como a devolución a propietarios dos montes conveniados”, dixo o alcalde de Muras ante os convidados.

Manuel Requijo lembrou o proxecto piloto “A Finca” de 2022, impulsado polo Ministerio de Facenda en 23 municipios da España baleirada, incluído Muras. Aínda que a intención era boa e revisáronse papeis, a falta de técnicos sobre o terreo impediu que os veciños notasen unha mellora real. “Facelo desde os despachos non funciona”, defendeu. “Fixéronse xestións con proba documental, pero non houbo un traballo de campo polo que non se percibiu unha mellora significativa”.

Por iso pide que Xunta e Estado colaboren para pisar o territorio e resolver esta falta de información clara e actualizada sobre a propiedade, “un problema xeralizado, que afecta a zonas rurais en todo o Estado”.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais