Importante xuntanza para mellorar a cobertura social de Muras

Concello de Muras | Importante xuntanza para mellorar a cobertura social de Muras |

O pasado 31 de xaneiro o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e a Tenente de Alcalde, Belén Chao -responsable dos Servizos Sociais-  foron recibidos polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, en San Caetano. Unha cita solicitada para falar das necesidades sociais do noso concello. Concretamente acordouse estudar un novo aumento no número de horas de atención a persoas dependentes nas súas casas : hoxe son 1.271 pero non chegan, porque hai nove persoas en lista de garda e unha que non dispón das horas que ten recoñecidas. O Concello pediulle á Xunta 214 horas a maiores deste Servizo de Atención no Fogar (SAF), que axuda a unha trintena de veciños e veciñas.

O PAI e “Xantar no Fogar”

Outro dos asuntos que abordou o rexedor foi a necesidade de poder abrir canto antes o Punto de Atención á Infancia (PAI) para facilitar o coidado de nenos e nenas e a conciliación familiar e laboral. Podemos informar de que avánzanse nos trámites para poñelo en funcionamento unha vez que estea adaptado á normativa e se fagan pequenas reformas. Esperamos abrilo en dous ou tres meses.

Tamén se falou co conselleiro do programa Xantar no Fogar que, ano e medio despois da solicitude por parte do Concello para a súa adhesión, segue pendente a sinatura do convenio. Trasladounos que revisaría a situación. Da conversa mantida destacamos que se lle presentou ao conselleiro o modelo pioneiro de Muras da subvención da factura da luz, medida que trata de paliar os elevados costes da factura eléctrica, loitar contra a pobreza enerxética e o despoboamento do rural, dándonos parabéns pola inciativa.

Informaremos de calquera novidade ao respeito destes importantes asuntos para a nosa veciñanza.

 

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais