Dous novos cursos de apicultura

Concello de Muras | Dous novos cursos de apicultura |

Coma ven sendo habitual continuamos a nosa colaboración coa Casa do Mel Goente As Pontes e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para facer dous cursos de formación en Muras arredor dun sector tan importante para o noso concello.

O primeiro é de INICIACIÓN, dúas fins de semana de xullo (o do 20 e o do 27) e de 9 a 14 da mañá. A teoría impártese na Casa do Médico e a práctica no Apiario de Carelle que habilitouse hai dous anos na aldea etnográfica de Carelle Grande. Durante as xornadas abordaranse cuestións básicas sobre a bioloxía do enxame, a saúde das abellas ou a colleita e comercialización de mel e outros produtos derivados.

Estes coñecementos poderán complementarse cun segundo curso, en agosto de CRÍA DE RAÍÑAS con abella autóctona, nos mesmos espazos e co mesmo horario pero a fin de semana do 3 e os días 13, 15 e 16 de agosto. Os dous teñen un mínimo de asistentes de 10 persoas e un máximo de 20.

O deputado da Deputación de Lugo, Daniel García, explica que esta actividade, “ofrece formación en diferentes aspectos de interese para apicultoras e apicultores, desde a mellora do rendemento das producións melíferas ata fórmulas de manexo para protexer as abellas autóctonas da velutina”. O alcalde de Muras Manuel Requeijo engade que “o programa da área de Rural de Vicepresidencia da Deputación complementa e reforza o apoio a esta actividade, que impulsamos desde o goberno municipal con outras iniciativas como a Feira do Mel de Montaña, que pon en valor a calidade de mel das producións locais e contribúe a ampliar as canles de comercialización”.

O programa comezou no mes de xuño e pasou por Vilalba, O Valadouro, Xove e Pantón. As vindeiras semanas achegarase tamén a Mondoñedo, Cervo ou Barreiros.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais