Na mañá do 18 de outubro de 2018, reuníronse na Casa Consistorial do Concello de Muras os alcaldes de Abadín, Valadouro, Ourol, Xermade e Muras para abordar a problemática do lobo que afecta aos gandeiros/as e os/as veciños/as da Serra do Xistral. Os Concellos non temos medios nin competencias para resolver esta situación. Recollemos o pensar o dos veciños/as dos nosos concellos e cremos que cos seguintes puntos podemos comezar a encauzar esta problemática:
1.- Control do censo da poboación real do lobo para lograr un equilibrio e que non se acabe convertendo nunha lacra, xa que desta situación non hai estudios nin seguimentos actualizados asimesmo botamos en falta comunicación entre as distintas administracións cos veciños/as e gandeiros/as.
2.- É necesario axilizar os pagos das axudas e aumentalas cuantías das mesmas. Ter en conta o lucro cesante e o lucro emerxente. As axudas son importantes para manter convivencia entre gandeiros/as que habitan e humanizan o territorio e os lobos.
3.- Hai perdas de animais que non se recollen na línea de axudas. Animais mortos polos lobos e que non se atopan os seus restos nas 24 horas seguintes. (a orografía do Xistral non o permite). Deberíase dalgún xeito recoller esta cuestión nas liñas de axudas.
4.- É necesario un equilibrio que permita convivir nunhas condicións dignas á xente que vive nestas zonas. Non se pode protexer á fauna salvaxe e desprotexer á xente que vive no rural. É preciso atopar un punto medio.
5.- Este problema estase indo de control. Estase abocando a pechar moitas explotacións gandeiras o que será un problema no futuro, con grandes extensións sen limpar, favorecendo a proliferación de incendios, etc.
6.- O feito de convivir co lobo debería ter resposta nas axudas, sexa vía Europa, vía outras administracións, para compensar as perdas que provoca o lobo e outras perdas que o gandeiro ten (cría de mastíns, manexo do gando, animais desaparecidos). Que haxa un coeficiente compensador desa difícil convivencia nas distintas axudas.
Acórdase solicitar unha xuntanza ca Conselleira de Medio Rural .
Muras, a 18 de outubro de 2018.