Cómo axudar aos refuxiados de Ucraína

Concello de Muras | Cómo axudar aos refuxiados de Ucraína |

O Concello de Muras traballa e está en contacto con entidades como a Cruz Vermella para facer a nosa achega ante o conflito bélico e o problema humanitario que se está a vivir. Sabemos que hai moitos veciños e veciñas preocupados coa situación polo que buscamos o mellor xeito de colaborar.

Ata Galicia xa se están producindo chegadas, mesmo a concellos pequenos, de poboación do país eslavo (tamén rusos) que ao chegar reciben asesoramento e axuda coa tramitación de papeis. Como nos explican dende Cruz Vermella, teñen canle directa coa Unidade de Extranxería da Policía Nacional, que para este asunto está centralizada en Lugo. “Pero acoller de maneira desorganizada ocasiona problemas que ao final repercuten sobre as propias persoas refuxiadas. Hai moito traballo que facer con eles á súa chegada, ás veces ata apoio psicolóxico, e non hai recursos suficientes se ao final hai multitude de casos por toda a provincia. O máis eficaz e eficiente é centralizar as acollidas en poucas ubicacións e, unha vez feitos estes primeiros trámites, distribuílos con recursos que garantan soporte”, explícanos José Luis Fernández, Secretario Provincial da Cruz Vermella en Lugo.

Todas as persoas que están a saír do país son atendidas e acollidas, hai moitas organizacións públicas e privadas traballando coordinadamente. Polo que a mellor forma de colaborar é axudando a estas organizacións economicamente. Premendo neste enlace podedes facelo coa Cruz Vermella ou tamén vía BIZUM ou SMS.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais