Xunto coa FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) o Concello de Muras convídavos a esta cita o vindeiro xoves 4 de abril de 18:00 a 19:00 no Local Social. Como sabedes, o dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia.
Non ten sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas secuelas ao mesmo tempo en diferentes graos e intensidades segundo a persoa. De aí que FEGADACE decidírase por facer un ciclo de charlas informativas en zonas rurais, para informar sobre as causas e mecanismos prevención do DCA á poboación con máis risco, ao tempo que presenta o modelo de atención e rehabilitación, así como os recursos máis próximos a cada localidade.
Lembramos que este programa conta co financiamento da Consellería de Política Social a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, dos fondos que as persoas contribuíntes destinan a ‘fins sociais’ marcando a ‘X Solidaria’ na declaración da renda.