A incrible natureza do norte chega á Casa do Médico

Concello de Muras | A incrible natureza do norte chega á Casa do Médico |

O fotógrafo de Mugardos Álvaro Lamas, que capta coma poucos a maxia das paisaxes no proxecto Lost in Woodlands Photography, achégase ata o noso concello para amosárnolo na exposición “Capturando a Natureza”. Inaugúrase este venres 29 de novembro e estará instalada ata o 7 xaneiro, toda a tempada do Nadal, na Casa do Médico.

Veredes unha escolma de case 20 fotografías impresas en aluminio e nun formato de gran definición para percorrer algúns dos lugares máis fermosos de Galicia -zona de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña Lucense- e das veciñas Asturias e Cantabria, cuxa riqueza natural é tamén marabillosa.

Cada imaxe reflicte a conexión persoal que vive o artista, que é quen de transmitir a esencia dos lugares. “Ás veces son grandes paisaxes, fervenzas, lagos de montaña ou solpores sobre acantilados. Outras veces un cogomelo agochado nas follas representa un mundo enteiro e paso media mañá para capturalo”, explica.

Hai varias semanas para que poidades vela. A Casa do Médico abrirá de luns a venres de 9:00 a 13:00. Aproveitade para redescubrir o incrible mundo natural que temos o privilexio de gozar.

O concello
Praza da Galeguidade, 4
27836 Muras
Telf: 982.500001

Saúdo do alcalde
Teléfonos de interese
Textos legais